venres, 20 de decembro de 2013

A familia

Achegándose estas datas, este foi un tema que nos pareceu moi interesante. E os contos que se contaron, tamén nos gustaron moito.

Tania e a súa mamá (que é tamén mamá de Hugo), contáronnos o conto Avós, de Chema Heras. 


Neste conto aprendemos como as persoas maiores poden seguir sentindo ilusión polas cousas, e como o amor pode con calquera tristeza.

xoves, 5 de decembro de 2013

Agora que vén o nadal...

OLA FAMILIA DE CONTACONTOS



O próximo luns 16 de decembro celebraremos a 2ª sesión do club de lectura. Como xa sabes, reunímonos para ler e escoitar contos xuntos e a continuación facer actividades en torno á temática.

En breve celebraremos as vacacións de Nadal, tempo para celebrar en familia. Por este motivo, escollemos algúns contos que falen desta temática e a continuación faremos tarxetas, decoradas con follas secas, para desexar un Bo Nadal ás nosas familias e amigos.

Nesta ocasión Tania (nai de Hugo e Antía) vainos ler o conto "Avós" e os nenos e nenas de 3 anos darannos unha sorpresa!! Non a perdades!!

Non fai falla traer nada, pois nós temos de todo!! Pero se queredes podedes traer as vosas propias follas, sementes ou elementos decorativos.

NON FALTEDES Á CITA! Estarémosvos esperando.



mércores, 27 de novembro de 2013

Comentamos Palabras envelenadas


A maioría dos asistentes coincidiron en que a novela é moi dura, e que poñerse na situación de Bárbara resulta moi espeluznante, pois custa pensar que un pai poida ter esa actitude cunha filla. Á maioría dos rapaces e rapazas pareceulles un libro lento, no que destacaron a preferencia clara dos capítulos nos que fala Bárbara. Por outra parte, coincidiron en que a última parte do libro, si conseguiu enganchalos, e que foi nese momento no que non puideron parar de ler. Ás profes, sen embargo, pareceunos un libro que enganchaba dende un comezo e que transcurría con bastante velocidade.

Xa que a data da reunión coincidiu co día mundial contra a violencia de xénero, aproveitamos o libro para facer un pequeno debate sobre o tema.

venres, 22 de novembro de 2013

Mulleres importantes

Neste mes, por ser o mes de novembro, traballamos sobre as mulleres importantes nas nosas vidas.

A profe Paula, contounos o conto da Princesa do Caurel.



 É un conto acumulativo, no que a protagonista é unha muller. As ilustracións deste conto tamén son moi bonitas.


martes, 19 de novembro de 2013

Comentamos A miña planta de laranxa lima


A pesar de que houbo unha rapaza que non rematou o libro porque non conseguiu "enganchala", a acollida foi moi boa. Todos coincidimos que é unha lectura con moita tenrura e, máis os grandes que os mozos, pasamos a metade do libro chorando. Zezé chegou ao corazón de todos, con todas as tundas que levou, por levar o demo no corpo, segundo dicía a súa familia. A impresión foi tan boa que acordamos facer un pequeno vídeo de promoción do libro para a próxima reunión. Verémonos de novo o 3 de febreiro.


venres, 8 de novembro de 2013

La cena

O próximo día 22 de novembro, durante o recreo, teremos a primeira reunión do grupo de adultos, para repartir os libros. Haberá un pequeno aperitivo para acompañar a charla, que nesta ocasión será curta, pois estamos limitados polo tempo do recreo.


Para abrir boca en canto non temos a reunión, deixámosvos o seguinte artigo, que é o que inspira a novela.

NOTICIA DE PRENSA 20 MINUTOS

NOTICIA DE PRENSA EL PAÍS

luns, 4 de novembro de 2013

COMEZAMOS...

OLA FAMILIA DE CONTACONTOS:

O próximo 18 de novembro celebraremos a 1ª sesión do club de lectura coa temática "Mulleres importantes" con motivo de sumarnos ao día "Contra a violencia de xénero" (25 de novembro) e a continuación faremos unha actividade que xire en torno a esta temática.

Seguro que todos e todas temos ou tivemos na nosa vida algunha muller especial (nai, avoa, tía, amiga...). O que vos propoñemos é que familia, nenas e nenos, e todos aqueles que vos apeteza nos contedes quen é a vosa "Muller Importante". 

Para isto, debemos traer unha foto das nosas mulleres importantes un pé de texto explicando porque é tan especial para nós.

Despois da sesión de lectura faremos un marco para as fotos con material de refugallo e decorarémolo a gusto.

Con todas estas mulleres importantes faremos unha exposición nos corredores do centro que durará ata o 25 de novembro, celebrando deste xeito o día contra a violencia de xénero e animando a toda a comunidade escolar a que reflexione sobre o papel tan importante que moitas mulleres teñen nas nosas vidas.

NON FALTEDES Á CITA! PASAMOS LISTA...

xoves, 31 de outubro de 2013

Palabras envelenadas


Que pasou con Barbara Molina? Nunca se encontrou o seu corpo nin se conseguiron probas para deter ningún culpable. Unha chamada a un móbil pon patas arriba o destino de moitas persoas: o dun policía a piques de se xubilar, o dunha nai que perdeu a esperanza de atopar a súa filla desaparecida, o dunha rapaza que traizoou a súa mellor amiga.

Palabras envelenadas é unha crónica dun día trepidante, vivido contra o reloxo e protagonizado por tres persoas próximas a Bárbara Molina, desaparecida misteriosa e violentamente cando tiña quince anos. Un enigma que, despois de catro anos sen se resolver, vaise ver sacudido por novas claves. Ás veces, a verdade permanece oculta na escuridade e só se ilumina ao abrir unha xanela. Unha historia de mentiras, segredos, enganos e falsas apariencias que pon o dedo na chaga sobre mitos incuestionables. Un relato arrepiante que disecciona a hipocrisía da sociedade moderna. Unha denuncia valente dos abusos sexuais infantís, as súas devastadoras consecuencias e a súa invisibilidade neste mundo benpensante noso.

A historia que se narra neste libro, podería ser perfectamente a de Marta del Castillo, un caso do que todos oimos falar, e que tamén leva un montón de anos sen resolver. Este foi o primeiro que comentamos para facer a introdución do libro. Podedes ver información sobre el facendo click na imaxe:

martes, 29 de outubro de 2013

Grupo de lectura de Educación Infantil e 1º ciclo


Neste grupo, teremos familias de contacontos, que nos amenizarán coas súas lecturas. Teremos unha xornada por mes, dedicada a un tema en concreto, e en cada unha delas, escoitaremos varios contos, e realizaremos un pequeno obradoiro. As datas das xornadas e as temáticas que imos traballar son:

NOVEMBRO: "Unha muller importante". Data: 18 de novembro.

DECEMBRO: "A familia"  Data: 16 de decembro.

XANEIRO: "Cociñas do mundo" Data: 21 xaneiro

FEBREIRO: "Animalarium" Data: 10 febreiro

MARZO: "Verde que te quero azul" Data: 10 marzo

ABRIL: "Auga" Data: 7 abril

MAIO: "Arte floral" Data: 5 maio

XUÑO: "ReciclArte" Data: 12 xuño    

Esperamos que todos desfrutedes tanto con esta actividade como nós disfrutamos preparándoa. Mes a mes, faremos unha entrada contándovos o que fixemos.


martes, 22 de outubro de 2013

A miña planta de laranxa lima


A miña planta de laranxa lima é deses escasos libros que se venden por milleiros e que gustan a adolescentes, pequenos e grandes. Eloxiada pola crítica, e considerada unha das mellores cracións de literatura infantil e xuvenil de todos os tempos, o seu autor José Mauro de Vasconcelos ocupa o espacio reservado para aqueles escritores sen máis artimaña que a de facer boa literatura.

Zezé é un demo, un verdadeiro demo descubridor de cousas...

Unha historia sobre o descubrimento do mundo, a amistade e a dor de medrar.

Tal e como para Zezé é importante a súa planta de laranxa lima, nós quixemos tamén facer homenaxe ás nosas árbores ou plantas importantes. Con follas fixemos uns marcapáxinas que nos acompañarán na lectura deste libro. Aquí tedes o que fixemos:

mércores, 9 de outubro de 2013

Grupo de lectura de 2º ciclo da ESO

O próximo día 28 de outubro, no recreo do comedor, reunirémonos na biblioteca para facer a presentación do primeiro libro de lectura. Para contextualizalo, veremos varios vídeos, e faremos un pequeno coloquio sobre como enfocades vós este tipo de situacións. Intrigados? Preguntades polo libro? Aquí vos deixamos unha imaxe da portada.




 ESPERÁMOSVOS!!

Grupo de lectura de 1º ciclo da ESO

O próximo día 21 de outubro, no recreo do comedor, reunirémonos na biblioteca para facer a presentación do primeiro libro de lectura. 


Ademáis realizaremos unha actividade motivadora da que tiraremos un pequeno agasallo que nos acompañará na lectura deste e de moitos outros libros.

 ESPERÁMOSVOS!!


mércores, 2 de outubro de 2013

Grupo de lectura de adultos

Durante este mes de outubro, puxemos polo cole e polo pobo, carteis convocando a anotarse ao club de lectura de adultos, e aproveitamos para promocionar o primeiro libro que imos ler: LA CENA.

A primeira reunión realizarase a comezos do mes de novembro, unha vez saibamos con cantas persoas contamos.